domingo, 28 de octubre de 2018

PÉS E DADOS




XA abonda! 

Acouga¡ Non lle deas máis voltas! Esa voz sae do meu interior. Rematou, estou cansa..

Abro a porta da casa,  entro nun pequeno vestíbulo escuro, prendo a luz e deixo as chaves na bandexa encima do moble. Aí vai todo a que arranxamos nos petos. Na parede, da cor verde esperanza, colga unha pintura dun retrato meu cando era nova; enfronte, tapando o cadro da corrente,  un tapiz que merquei nunha viaxe a Ecuador daqueles tempos de aventuras, coa vida por diante. Os problemas aínda non se albiscaban.

Arrastro os pés cansa, esgotada. Sento no chán da sala a escuras, encollo as pernas e as abrazo  deixando que caia a cabeza entre elas, sen facer forza. Iso reláxame e o corpo descansa; aprendino cando tomaba clases de ioga.

Xa un pouco reposta, prepárome un roibos con canela. Prendo o televisor porque necesito compaña e sento no sofá. Collo un pé e comezo a darlle unha masaxe    aceite de romeu, dende o dedo gordo e rematando no maimiño, apertando na curvatura entre as dedas  e a almofada.

A tensión non diminúe. A imaxe do meu home preséntaseme de novo e as bágoas  que rebordan na conca dos meus ollos pídenme permiso para saír.  Dou unha masaxe a toda a planta dun pé e continuo có outro. Chámase reflexoloxia . Cando me ensinaron a traballar os pés non crera  que podía curar as doenzas con esta practica. É como cando me dixeron que temos un segundo cerebro no ventre; farteime de rir.

Xa calma, repaso o día. Non quedou sala de xogo que non mirase.

Carlos, o  meu home, aínda que non estamos casados, soubo ocultarme ben o seu segredo. Cando o coñecín sempre levaba no peto dous dados, dicía que eran os seus amuletos, que lle traian sorte.

A vida é un xogo para el. Un adicto incapaz de deixar de dilapidar a seu tempo, xogando máis e máis para recuperar o perdido, converténdose en un ionki do azar: roubar, enganar, grupos de auto axuda, terapias. Xa me coñezo todos os contos. Encarna e Teresa, a súas fillas dun matrimonio anterior tamén desfeito polo xogo, están a sufrir as consecuencias do delirio do seu pai. Teñen medo, os prestamistas róldanas ameazantes.

Vou con elas falar co avogado do xulgado. Asústanas. Herdarían todas as débedas, que non son poucas, quedarían  empeñadas de por vida.Están a tratar  de que o xuíz lles conceda a custodia  do seu pai, do seu xornal, da súa vida.

Non quero saber nada. Xa non quero nada porque nada hai. Consumida e arruinada pásolles a testemuña, e con ela  os días sen sol.

Que morra, tanto me ten. Só quero un novo abrente.



Novembro 2014