lunes, 29 de agosto de 2016

O CONCERTISTA E A DANZARINA

A pequena danzarina de Julio González
A súa man dereita, solemne, suspendida no ar. Os dedos da esquerda deslízanse polas teclas do piano esculpindo un son embriagador, dando forma e cor, e penetrando na alma da música.
O queixo erguido e cellas alzadas enmarcan uns ollos entornados que lle debuxan leves engurras na fronte. A súa boca succiona o aire tensando os pómulos, creando así un estado sublime. Nese intre a comunicación entre  concertista e espectador é íntima e absoluta.
O mestre morde o labio inferior empurrando o “Adagio sostido do Claro de lúa”. A súa arte, estilo exquisito e a  elegancia suscitan admiración.
Os aplausos non decaen; o deleite déixase ver nos rostros expectantes dos asistentes que agardan unha nova sonata.
El tan só pensa na súa musa, na pequena danzarina de mirada doce ... Toca para ela. Sempre por ela.
Os seus xestos sedúceno e vólvese tolo de amor. A súa dona, a súa quentura, baila ao compás da música. Sedutora, alimenta a paixón do mestre que medra ante o piano de cola e arrinca do público berros de admiración.
San Petersburgo ... rememora os paseos pola beira do río Nevá, estreado o seu casamento, a música, o baile, os risos de complicidade, os seus beizos, a vida.
Hai tempo que o concertista deixou atrás o pranto, a lembranza do día fatídico. O corpo da súa amada no escenario, no minuto sesenta. Na última escena da función. Crebouse coa mesma delicadeza que a súa obra favorita “A morte do cisne”.
Durante un longo tempo apagáronse as luces ata que de novo a súa musa chegou a el, nas noites de tebras, en murmurios
-       respira meu amor, respira.

  

No hay comentarios:

Publicar un comentario