Expiraba setembro, e ás portas da morte e de madrugada,
nun leito de sabas perfumadas, a Filberto chegoulle a hora das confesións. No
seu delirio declarou debilidades carnais a unha esposa abnegada, que a levaron
a un estado de conmoción alarmante.
Filberto, fraco, calvo, de bigote fino e orellas grandes,
tiña un gran encanto: uns ollos verdes, brillantes e pecaminosos, que eran a
perdición dalgunhas mulleres. A súa cuñada foi unha delas. O rozamento
traspasou a barreira da cordura dos amantes.
A esposa, asombrada e co corazón saltándolle no peito,
saíu ao patio e, entre as galiñas, pensou que era o que ía facer de agora en
diante.
Decidiuno; nadaría
nas augas da rutina. Entrou de novo na casa e refuxiouse no fogar. Cociñou
guiso de carne con patacas e o cheiro impregnou todos os recunchos da vivenda.
Finxiría e coidaríao ata o final, liberándose así da
culpa que levaba acochada seis anos, a que lle roía as entrañas.
Filberto foise ao outro mundo descansado, sen pecados,
coa alma limpa coma a saba branca que o amortallaba.
–Ao meu benquerido home que lle preste. Quedei cunha boa
pensión. Teño que afacer o meu corpo a esta nova vida.
–Adeus meu home, que o ceo te cubra de bendicións e a min
me abeire para que poida testemuñar, unha e outra vez, a miña gratitude por
todos os bens que me deixaches para poder gozalos co pai da miña filla. Si, a
que sempre me dixeches que era cravadiña a ti.
Amén cabrón

No hay comentarios:
Publicar un comentario