viernes, 27 de enero de 2017

UNHA SOMBRA TRAS DE MIN


O ruído da campá, que pendía do teito trala porta, alertouna.  Levantou a  cabeza bruscamente caéndolle todo o cabelo en fervenza polo ombreiro esquerdo. Deixou sen rematar o que estaba a facer. Non sei que pensamento lle pasaría pola súa mente para que os seus ollos tremelucentes e abertos coma o mar, vixiantes, nesa faciana de pel branca e beizos finos, transmitisen desconcerto.
Que pensaría que lle ía dicir? Había xa dous anos que non nos viamos.
A súa mirada foi cambiando, de intriga a desafiante ata comerme cos ollos; e farfallando díxome:
–Leandro non se atopa, saíu.
–Non muller, é contigo con quen quero falar. Tes un momento?
O corpo reaccionoulle, ríxido e mudo, marcando a súa delgadeza. O seu mirar da cor do xeo, expectante. E eu, e con ollos arbitrarios, míroa:
–Só quero darche unha aperta de ánimo, como o levas?
Xa repousada cun ollar melancólico, a salvo dos pantasmas do pasado afirmou:
–Ben, levándoo.
–Aos poucos muller. O tempo axuda a esquecer se o miras pasar con ollos quedos.
Escudriñándonos con sagacidade, non houbo nada máis de que falar. Entre besbellos e un bico ao aire, dixémonos adeus.

E virándome cara a porta, sentín que a súa mirada seguía, como outrora, cravada en min.



No hay comentarios:

Publicar un comentario