martes, 5 de abril de 2016

A PROPOSTA (Marzo 2016) Semifinalista no IV certame MicroCatroRelatos do café de Catro a Catro - Vigo




Así, case sen me decatar chega o día de partir. Xa me imaxino en Tenerife, tirada na praia co sol acariñándome o corpo nu; ou bebendo unha copa na noite estrelada de Santa Cruz á procura dalgún aceno.
E ... Coma un volcán en erupción, dentro das miñas entrañas prende unha historia de amor. Esperta o meu sexo durmido, olladas de complicidade e rir a gargalladas. O meu corazón ten un novo ritmo.
É a derradeira noite, gardo na maleta a roupa impregnada do seu cheiro. Revólvome. Non podo continuar. Temos que falar.
Dende o outro lado do bulevar miro para o rañaceos buscando a súa xanela. Hai luz. É un sinal.
Despréndome da pegada do que dirán, de vellos prexuízos, e deixo esvarar pola pel sentimentos feroces de desexo. Cos nosos corpos espidos e entrelazados chegaron as promesas de amor.
Perdémonos polas rúas na noite cálida da illa. Co luceiro do alba despedímonos sen bágoas;
-          ata pronto amor!
Viaxa á miña cidade, dous meses máis tarde, para volver vernos.
-          Xuntos?
 Ese soar grave da palabra “compartir” inquiétame. Espértame o meu peor agoiro.
Entregada á miña aflición, a escuridade dun amor pasado non me deixa abrir os ollos. Unha manifestación de ira e dor arríncame un pranto incontrolado ao penetrar na paisaxe do que pode ser e non será.
Teño medo. Sigo prisioneira dos recordos aínda latentes nun recuncho da miña memoria.
-          Abur amor!


Volvo ao inverno con Tchaikovski e a súa cuarta sinfonía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario