Día 1
Clara! ... preciso levar toalla?
Así comezan os preparativos da miña viaxe a Porto.
Un sol preguiceiro, nesta tarde de inverno, traspasa
suave a xanela deixando un ronsel de pracer, acariñándome mentres escribo estas
liñas.
Ao fondo do cuarto
un murmurio de verbas emerxen do televisor. Están co parte, anuncian bo tempo
para a fin de semana. Estamos de sorte.
Estou feliz. Non coñezo aínda aos compañeiros de ruta,
pero únenos as ganas e desexos de compartir verbas, emocións e risos.
A miña alma roda camiño de Porto.
Déixovos unhas palabras de Pessoa; tarefa que temos que
facer:
“Non saber dun mesmo: iso é vivir”
“Saber mal dun mesmo: iso é pensar”
Boa noite día.
Día 2
O debate de Afirma
Pereira, tennos todo o día entretidos con parvadas que teñen un bo fin:
coñecer sen reserva o libro de Antonio Tabucchi.
Nesta ocasión non escapamos de Portugal como fixo Pereira, se non que nos
afianzamos en Porto.
A tarefa nesta mañá, algo escura e cunha brisa quente, é
atopar tres igrexas e dúas capelas: igrexa das Carmelitas, a dos Congregados, a
de San Ildefonso e a capela da Torre dos Clérigos e a das Almas. Imos como
rapaces, ilusionados, cunha xolda descontrolada na procura dun tesouro.
E alí está, situada na parte alta, erguida e orgullosa, a
capela e a torre dos Clérigos. É de arquitectura barroca e rococó construída no
século XVIII. A beleza da Igrexa e torre
representan a cidade de Porto. As horas márcanse a golpe de carillón, aínda que
nesta ocasión non temos o pracer de escoitar o himno da alegría.
Capela e torre dos Clérigos
Un pouco máis aló, pasando pola Livraria Lello, divisamos a Igrexa do Carme. Ocupando un lugar
privilexiado na praza preto do xardín da cordoería. Ao seu carón, o convento das
Carmelitas, tamén de estilo rococó. Ten dúas fachadas en granito; a principal
de tres alturas coroada cunha cruz
e estatuas de dous evanxelistas. E nun
lateral, cuberta con azulexos azulados a imposición do escapulario no monte
Carmelo. É grandiosa.
A Capela das almas xa é como da familia, pasamos diante
dela tódolos días. Está na rúa Catarina. Diferénciase das demais porque está
revestida na súa totalidade de azulexos. A capela é do século XVIII. Namora!
IIgIgr
Capela das Almas
Entre igrexa e capela unha paradiña, deleitándonos cun
viño de porto para entrar en situación. As risas xa están soltas e non hai
maneira de contelas. De momento só achamos tres das cinco.
Á tardiña o tempo
arrefriou, unha choiva fina enchóupanos. Resgardámonos no café Guarany, clásico e elegante, sostén a
porta o bedel para que poidamos pasar. No interior as mesas son de pedra, das paredes
penden dous murais con retratos de indíxenas. Non temos a sorte de escoitar a
música en directo ou os fados dos que tanto falan.
A tarde rende e saen algúns relatos.
Rematamos a noite nun restaurante pequeno, con sabor
enxebre, acaramelado polo un viño verde da casa. Cáptanos na rúa Tania cunha dozura que non puidemos
rexeitar. Esa moza é un sostén importante para ese lugar.
Ceamos petiscos de bacallau, francesinha e carne á grella.Todo
humedecido con fado. Moi boa noite, non
botamos nada a faltar agás algún segredo oculto que non vén ao caso contalo.
Pero como non son Pereira, contareino: fixemos cola na
saída do aparcadoiro. Temos entumecida a cordura con tanto viño e subimos no
coche sen pagar antes. Máis risas.
Xa esqueceramos o contratempo da mañá. Estivemos pechados
no soto un tempiño. O ascensor non ía e ao grito da campá ninguén atendeu. O
explorador Stanlei saltou coma se estivese xogando á corda e púxose en marcha.
Sorte que tivemos.
RELATO La mal pagá
A dona que canta fado no restaurante Douro, non é o que
pensabamos, é unha muller mancada pola vida...Graciela...
Un bo día achégase a Graciela, un home ben parecido, a
súa pel luminosa cor chocolate e o seu cabelo rizado da cor do carbón atraparon
á rapaza. O mozo viña na procura das súas raíces lucenses. Os pais
farmacéuticos emigraran a Angola para facerse un futuro.
Graciela, unha muller sen estudos e sen familia, pero ávida
de aventuras e de cartos, non parou ata encandear ao recen chegado a Porto. A
moza non era moi agraciada polo que tivo que argallar un plan.
Con todo calculado, e no intre que o favorito pasaba diante
dela, esta tropezou e caeu aos seus pes. El, cabaleiro e de boa familia,
prestouse a axudala. Os encantos de Graciela mostráronse ao rapaz en todo o seu
esplendor quedando este engaiolado.
Casaron e marcharon para Angola.
Pasaran tres anos e dous fillos, pero Graciela non se
adaptaba a ese país. Carcereira na propia casa, loitaba por unha república
independente. Temía contaxiarse de enfermidades infecciosas que asolaban a
rexión e non se levaba coa sogra. Liscou. Non contaba con que non lle deran un
can. Perdera a ese home por no querelo o suficiente. O que non sabia e que lle ia doer tanto a perda das fillas. Ficou
baleira.
Sen cartos e soa tocou fondo, ata que unha alma
caritativa lle deu un lugar para durmir. Pero Graciela era espelida e
aprendérona a cantar fado. Agora ocúpase niso, conta a súa vida pola cidade das
pontes.
A súa presenza, vestida de negro, coa faciana escura, e cun
ricto de dor, faina máis apetecible para narrar a tristura e o desgarro
convertendo a aflición en beleza.
Día 3
Son as oito e media e xa estamos co almorzo. De luxo, no
comedor, de bufet, temos de todo, zume, leite desnatada, de avena, café, galletas,
tostas de aceite e moitas máis cousas. Dende a xanela divísase toda a cidade.
Apunta que hoxe imos ter un bo día.
Os exploradores Stanlei e Linvingston xa están a argallar
un plan para xantar económico. Mentres Clara dános os deberes do día.
Estamos esperando o tranvía no centro, preto da magnífica
estación do tren. San Bento, un monumento no centro da cidade. Foi ata o século
IX un antigo convento. Ao traspasar o limiar un aire melancólico acaríñanos a
faciana. Altiva, das súas paredes adórnanas vinte mil azulexos. Un mosaico digno
de admiración. O bulir das xentes espértanos de tanta beleza.
Estación do tren S. Bento
Fai un sol de xustiza. Aos poucos imos desprendéndonos do
abrigo, e todo o que o decoro nos deixa. O tranvía que nos levará ata a
desembocadura do Douro no océano, está a tardar. Diante miña un personaxe
atrápame. Xa teño enfilada unha historia para mañá.
Sentados no tranvía pasamos por baixo da ponte da Arrábida.
Unha beleza no trenzado. O día está cheo
de cores e sabores .A calidez do aire que entra pola fiestra calma as calores
anteriores na parada. Na outra beira está
Vila Nova de Gaia, coas afamadas bodegas ao longo da ribeira.
Xantamos nun bar chamado Bartolo, típico portugués. A verdade que fai honra ao seu nome.
Tardaron máis dunha hora en servir, e aos poucos. Cando uns remataban outros
empezaban a xantar. Este non o recomendamos. Os exploradores Stanlei e
Linvingston non teñen culpa.
RELATO O
brincar dos amantes
O río Douro chega sosegado despois da loita vivida ao
longo do seu percorrido. Dende o seu nacemento en Fontes do Douro o perfil xa
está marcado, fluíndo polas vilas e cidades ao seu paso, baleirándose de cando
en vez nas leiras derredor. Ten tramos de perigo e coas choivas do inverno
fórmanse arribes. Chegando a tempo aos brazos da seu soñado e amado océano.
Este, chega a praia dos ingleses loitando contra os
dragóns que aniñan no seu ser ao longo de tódolos mares.
Cando Douro traspasa a lingua de area, derradeiro obstáculo
que os separa, o bico é turbulento, caprichoso e enraizado. Coa posta de sol, río
e océano ámanse. As ondas fan escuma ao romper na area ata que adormecen. El
dándolle a súa dozura e o océano a súa braveza con sabor a sal.
É de tal beleza, que homes e mulleres acoden a velos
danzar. Pícaros a sabendas de tanta expectación, as cabrioladas cada vez son máis
excitantes roubando berros de pracer ao xentío.
A morte do Douro
Os parasoles péchanse. O espectáculo adormece. As mans
quéntanse arredor dunha cunca con tisana e un leve sorriso ao solpor. O rumoreo
desta unión aquieta as voces. Só silencio. Os ollos de lume dos catamaráns
emerxen no mar vixiando que, unha vez máis, se cumpra o que está destinado; e a
lúa vén
saudar, minguante, para non lle roubar a atención aos namorados.
Por fin atopamos a a Igrexa dos Congregados, entre a estación
de san Bento e o metro. O exterior de azulexos e pinturas murais con escenas da
vida de San Antonio. Marabillosa.
Esta noite ceamos na casa. Faladoiro e lectura de relatos
ata ben entrada a noite. Un pracer. Xa
somos unha familia.
Día 4
Cada día estamos máis cómodos no piso. Ten cinco cuartos
e tres baños. Menos unha que durme soa, os demais están acompañados. Minto, un
deles acampa no sofá. As bromas están polas esquinas, ás agachadas, a espera de
que alguén as atope. Mentres, os exploradores saen a facer as pertinentes pesquisas para comer, nos traballamos a
reo nunha lenda.
Xantamos na “casa de pasto O Golfiño”. O dono chámase
Silva, cousas do destino –personaxe de Afirma Pereira–. Está preto da capela do
Carme, na rúa Oliveira. Esquina co bar “Temos
quasi todo”.
Esta vez e como sempre, temos que dar as grazas a Stanlei
e Linvingston acertaron de cheo coa casa de comidas. Riquísimo todo.
Na rúa preto da casa onde xantamos aos poucos, mercamos libros
vellos para a familia.
LENDA As gardiáns do
saber
O xefe é ese home que ten aparencia de persoa enferma. O
cabelo negro carbón cáelle ata os ombreiros. Calza unhas zapatillas deportivas brancas:
unha lévaa a modo de chinela. Arrastra coa man dereita unha zamarra vermella e
coa esquerda fai panca para non caer. A
faciana é redonda e desfigurada, mestura
de alcol e sustancias. Camiña polo centro dos riles do tranvía para non
perderse de si mesmo. Afasta as pombas, as únicas que poderían delatalo. Non
consegue ir máis aló da beira do río.
Todo é pantalla, unha careta –Quen se vai fixar nun borracho? Máis ben os
portuenses afástanse.
As cinco igrexas están na mirada das castañeiras,
colocadas estratexicamente enfronte. Os extraterrestres sempre aparecen pola
ponte da Constitución, catro días ao ano.
O clero é quen tiña o coñecemento, o poder. Nos templos gardase todo o saber dende tempos inmemoriais.
Sempre souberon que outras culturas virían algún día a roubarllo. E crearon as
castañeiras, aliadas da humanidade neutralizan a maldade. Son intocables: o
lume das castañas protéxenas.
Colocadas nas esquinas das igrexas, as castañeiras vixían
aos estranxeiros e portuenses. Desenrolan unha calidade, os homes perden o
interese ao probar a froita; déixaos como drogados e esquecen o que viñan
facer.
As misións nunca se levan a cabo. Os extraterrestres van
devolta desmemoriados.
Este ano a acometida e do xefe que disfrazado dun home
bébedo, tenta cruzar a urbe. Os camiños de ferro do tranvía axúdano a que non
se desvíe e chega ata a capela dos Clérigos. A castañeira, chámao ofrecéndolle
a froita da inconsciencia. Empeñado en cumprir a
misión el non fai caso, segue adiante. Pero atópase cuns ollos máis negros que
a noite. Son a súa perdición. A moza de quince anos non precisou de castañas,
simplemente sorriu. A aprendiz de castañeira converteu ao extraterrestre en
humano perdidamente namorado.
E colorin colorado ... afirma a castañeira
Esta noite ceamos no piso. Quentes, descansados e
felices. O día deslizóusenos entre as mans.
Derradeiro día
Non sei explicar ben a sensación que teño nesta maña
soleada. Facemos fotos para rememorar o momento das despedidas. Con promesas de
volver, recollemos a equipaxe e bicámonos... ata pronto.
Próximo destino Lisboa, a cidade da luz.
RELATO Sabores de
outrora
Nas mans unha fotografía do mercado de Bolhao. Non sei de cando é, o que si é certo e que nada ten que ver coa de hoxe.
Preto
da Avenida dos Aliados, está o mercado. Unha das zonas máis animadas da cidade.
Ten varios andares distribuídos en torno a un gran patio central.. No interior deste decadente
edificio está a esencia da cidade. Hai unha morea de tendas transportándonos
aos anos vinte. Aínda que caia a anacos, o mercado de Porto é un dos edificios
máis emblemáticos da urbe.
O sabor
e o fedor mestúranse nunha obra poética de resistencia ao tempo.
A
música de Cesarea Évora no chillout onde escribo estas palabras e a cervexa que degusto embriágame
de pracer.
O sol dándome nas costas envólveme, e o son da campá da
Torre dos Clérigos espértame do adormecemento.
O recendo das oliveiras preto da Livraria
Lello cunha ringleira de persoas impacientes por entrar, entusiasma aos
viaxeiros.
Évora envólveo todo. O
mercado no chillout está comigo,
pegado, abrazándome.
Grazas Porto
Paseo por Porto, do tres ata o seis de Decembro 2016








No hay comentarios:
Publicar un comentario