miércoles, 24 de mayo de 2017

NO TEMPO DE TARUB


De súpeto tiña na casa unha Americana.
Entendía o español pero apenas o falaba; orfa de nai cubana e filla de neoiorquino, marchou a vivir á terra natal do seu pai sendo moi nena. O pelo longo alaranxado caíalle en fervenza ata a cintura resaltando a súa pel morena. A roupa que vestía, pasada de moda e de cores escuras, semellaba máis dunha muller madura que de rapaza nova. 
Cando foi collendo fiúza na casa, comezou a chapurrear o castelán mesturando as linguas.
Pasaban os días e coma nun crebacabezas, aos poucos, a Americana contoulle que viñera a Galicia á casa dunha tía, irmá da súa nai. Aínda que sobriña e tía non se coñecían, pediulle por carta que lle dera acubillo por un tempiño.
A Americana confesouse coa súa nova amiga Estela. Traballaba nunha galería de arte na Quinta Avenida en Nova York. No verán de hai dous anos, unha mañá dun día moi caloroso, desembalando paquetes, un arrepío percorreulle o corpo: tiña entre mans unha pintura dun artista plástico español do século VIII. Dende aquela non estaba calma, algo se remexía no seu interior e unha forza invisible empurrouna a viaxar. Uns días máis tarde, en setembro, no asento número trinta e dous corredor, do voo Iberia Nova York - Madrid con escala en Santiago de Compostela, unha excitada e esperanzada rapaza, rezaba a unha imaxe nunha estampa que levaba entre as mans, “A virxe das Angustias para casos imposibles e urxentes”; esta devoción herdouna da súa avoa cubana.
Contoulle tamén a Estela que casaría en tres meses, mostrándolle a invitación de voda. O vinte de marzo de mil novecentos oitenta, diríanse o se quero. O noivo é nativo da illa de Manhattan, e non entende nin comparte certas cousas.
Un mediodía de mércores, na casa, sentadas arredor da mesa da cociña, a Americana estudaba con entusiasmo o pouso do café da cunca de Estela –agasallo de voda dun dos doce xogos que recibiu dos seus parentes antes do casoiro–, lía e lía, no pouso do café o futuro da nova amiga española, divorciada cun fillo cativo a seu cargo e un futuro incerto.
E no fondo da cunca, os pousos do café faláronlle:
–Cóidate dun home, tes que afastarte. Avecíñanse anos tormentosos se non fas conta.
Estela separouse hai uns meses, despois dun tormentoso matrimonio. Ficou na casa familiar co fillo por orde do xuíz. Por primeira vez dende hai sete anos, volve a gozar dunha liberdade xa esquecida, axustando de novo os pasos dunha vida racional.
Cando casou, Estela tiña vinte anos, un cabelo claro adozáballe a cara de pel branca resaltando uns ollos grandes, namorados, entusiasmados e ledos. Os vestidos curtos que lucía deixaban ao descuberto as pernas longas e douradas polo sol do verán.  Aínda que os seus pais eran permisibles, ela quería ser libre dos lazos familiares.
A Americana chegou a Galicia á casa da tía –unha cubana que recalou nos anos cincuenta nesta terra, detrás dun home que lle dixo que a quería; vivía dun pequeno negocio, un estanco na beirarrúa da parroquia, preto da parada do bus. A tía, axiña, arrebatoulle os cartos aínda quentes que traía no peito a moza, e agachounos baixo chave coa equipaxe. Non lle gustou nada esa roupa moderna do demo que lucía e que portaba na maleta: vestimenta da “gran mazá neoiorquina”; un escándalo, berraba. O bo talante desa muller  deixárao alá, na Habana.
 –Da miña casa non saes con esas pintas! Aquí farás o que eu diga –díxolle alporizada.
Botoulle á cara a pouca roupa que vestía agora. Indumentaria dos seus anos mozos e con cheiro penetrante a alcanfor.
Soa, no medio da nada, a única compaña eran as vacas que pacían e bruaban nas leiras derredor. Desacougada, chea de frío nun inverno de néboas, cos pés metidos no forno da cociña de ferro para quentarse e nun cuarto sen luz: toleaba.
 Un bo día enganou ao medo e liscou todo o lonxe que puido da casa da tía, dos berros, e do que alí acontecía.
Velaí como a coñeceron tres amigas, nun bar da vila a catro quilómetros do estanco. Conxeniou máis coa divorciada. Estela non tiña que dar explicacións a ninguén, o fillo era cativo. A Americana podía vivir con ela.
Sen cartos, sen roupa, non falando ben a lingua, acampou na casa da nova amiga. Non tomaba alcol –contoulle un día–, tiña medo de que un espírito en pena, que habitaba nela, se mostrase se bebía.
Morta de curiosidade, coma unha ladroa da súa intimidade, Estela convidouna a viño. Tiña que saber … e ao calor da aventura contoulle.
No momento no que o líquido vermello e viscoso se deslizaba pola súa gorxa, mesturándose cos fluídos do estómago, e como na lámpada de Aladino!, unha xenia comezou a bater palmas sen descanso, zapateaba con paixón atronando o espazo. E das entrañas chégalle ata boca unha voz ronca, grave, e con feitizo, a ese corpo que xa non era o seu.
Tarub, chamábase. Daba voltas, cantaba e bailaba sen descanso. Cando a euforia ía remitindo, dixo con voz antiga e fermosa:
–Son filla de ferreiro, xitano de Sevilla, cantareira e bailadeira de flamenco; a miña familia máis eu viviamos na xudería, preto da Muralla do Alcázar. Na ponte de Triana un árabe cravoume un puñal nas costas. A miña nai foi escrava bereber. Eran tempos da conquista Al-Ándalus, e morrín sen despedirme dos meus. Non souben ver o meu destino, as cartas non me falaran.
Con Tarub tiñan festa rachada a diario. A sabendas da transformación, nos bares convidábana a beber. Os amigos facían un corro e batían palmas, coma nun taboado flamenco. Lía as liñas da man, botaba as cartas predicindo o futuro e tódalas noites regresaba á casa nun estado lamentábel.
As amigas rifaban, tiñan celos de Estela, de ter a Americana só para ela. Agardaban horas na casa para que lle botara as cartas, para coñecer un futuro que non sempre era doado.
Pero a estranxeira viaxara a España para despoxarse desa alma errante que calzara neses zapatos prestados, adormecendo no seu corpo. Tiña que tomar unha decisión, non lle quedaban días, o visado caducaba e xa era tempo de retomar a súa vida. O seu noivo reclamábaa; el non soubo o motivo da viaxe.
Reuniu ás novas amigas e pediulles axuda. Era doado de entender: estaban na terra das meigas!
Decidiron viaxar a Triana, ao camiño do Al Ándalus, animadas pola aventura, a beleza da arquitectura, a filosofía e a literatura.
O pequeno auto Talbot Samba rodaba polas terras xeadas de Castela cunhas rapazas alporizadas con gana de aventuras e desexosas de poder axudar a esa estraña amiga. Atravesando os campos de olivas de Andalucía, a Americana branquexou: tiña a pel do inimigo na mirada. É coma si ela pertencese a esa terra.
O primeiro día estaba gris, unha leve néboa cubría o ceo, poallaba. Ás portas do camposanto sevillano, as follas das árbores facíanse cóxegas. Unha das amigas, a solteira, tremelicaba de medo e vergoña polo que dirán; enchoupada pola choiva fina non deu un paso máis. Ao empardecer e no interior do cemiterio, Estela e a Americana camiñaban paseniño, unha pretiño da outra, sen saber que facer. Corría unha brisa desacougante. Avistaron unha muller, entrada en anos, que fregaba os panteóns con cepillo de púas e xabón de escamas, axeonllada, cómplice dos que alí durmían o soño eterno.
Atopar o que buscaba ... Soa, o día sucumbiu á noite, unha noite escura de inverno iluminada por uns poucos farois.
Atemorizada percorreu o camposanto, escrutando as tumbas, buscando indicios, agardando respostas.
Prendeu candeas en tódolos nichos coma se dun ritual se tratase. Mentres, o vento asubiaba e se coaba entre as pedras centenarias cubertas pola flora que en Santos ninguén limpou, e, en agradecemento, as almas que a roldaban dixéronlle en murmurio:
–Americana, a quen perdiches?
Desconcertada non soubo que dicir, só buscaba. Nese intre ... Tarub falou.
–Busco a miña pel, o meu corazón, o meu sorriso, o meu lugar.
E as almas falaron entre elas e responderon.
A muller deixou o que estaba a facer un intre, para mirar a unha moza que pasou ao seu lado arrincándose a roupa … primeiro o chuvasqueiro cor vermella, que deixaba caer ao chan a seu paso, logo a rebeca de cotón grosa, as luvas e a bufanda quedaran xa atrás, así como a amiga.
As dúas mulleres quedaron abraiadas cando a Americana se detivo nun recuncho do cemiterio xa núa.
–Pero … que fai? –dixeran a dúo.
Non mirou atrás, non tiña frío, non sentía nin padecía: na fosa común onde descansaban os “sen nome”, falaba nun murmurio, mesturándose con voces de vidas pasadas que só ela comprendía .
E no espazo do éter unha ánima erraba.
A Americana despediuse dunha noite longa e chea de súplicas. Sentiu un leve rozamento en todo o corpo e unha caricia na caluga, dándolle forzas. Agradecida marchou. Víase o día por un furado da parede.
Os seus pés, como se de ás se tratase, conducírona xunto coas amigas: unha columna de árbores frondosos recibíronas. Estes, axitaron as súas ramas dando paso a un ceo limpo e fermoso de inverno.
Unha vez que os seus corazóns acougaron de tanta emoción, gozaron da cidade, percorrendo Triana e tódolos lugares onde vivira Tarub.
A Americana revolucionou a vida de Estela. Foron tempos de cambios, de crecer, de non mirar atrás e de comprender.
Agradecida e con bágoas nos ollos, a americana despediuse de Estela, sabía que non asistiría á súa voda . Non volvería vela.
Xa sen Tarub e soñando coa liberdade, e co seu amor, decidiu marchar. O derradeiro xoves de novembro “Día de Acción de Grazas” xa estaba aí. Escoitaría ao seu pastor e daría grazas a Deus por tódalas súas bendicións e as dúas familias arredor do fogar xantarían pavo asado, verduras, papas doces e pastel de cabaza. Todo estaba ben, a vida volvíalle sorrir.
 Na escada do avión, o vento rebuldeiro tropezou coa Americana e un arrepío percorreulle o corpo:
A Tarub gustáballe viaxar.



No hay comentarios:

Publicar un comentario