jueves, 20 de abril de 2017

AS MOEDAS TEÑEN DÚAS CARAS


Carmen camiñaba moi devagar polo que, presentía, sería o seu novo barrio. Os días daquel inusitado outono do noventa e seis eran moi agradables e ela sentíase eufórica e esperanzada. Si, gustáballe aquel barrio inquedo, multirracial e emerxente: alí montaría o seu negocio.
As primeiras horas dedicounas á decoración, unha lámpada aquí, un vaso con flores frescas alá.... Só faltaba o cartel anunciador, que imaxinou grande e luminoso.
Suspirou feliz, tiña por diante un futuro prometedor.
Os problemas chegaron coma unha tormenta de sarabia pola comunidade de veciños. Non querían ningún negocio no edificio e facíanlle a vida imposible.
Yesi, unha rapaza que vivía no quinto dereita, entrou na oficina cun sorriso de paz nos beizos, saia curtísima e medias de maia. A mirada moi triste.
Fixéronse amigas e todos os días tomaban café e urdían planes de defensa contra a comunidade.
Un bo día pediulle que a levara a Portugal. Desexaba coñecer a virxe de Fátima.
Viaxaron un venres cedo e no traxecto xurdiron as confidencias: traballaba de puta...
A vida e as circunstancias obrigárona, pero quería deixalo, por iso ía á “Cova de Iria” a arrepentirse e pedir axuda.
A devoción desta muller saíalle polos ollos. Na procesión coñeceu unha monxa que aliviou as súas penas. Díxolle que era un sinal, quedaría no convento unha tempada.
Soa de novo, e xa na viaxe de volta, Carmen decidiu deixar a oficina, non merecía a pena rifar sen aliada.
Tomou alento, sorriu e pensou: Son unha saxitario, comezarei de novo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario