domingo, 3 de diciembre de 2017

SÓ OS ESMOLEIROS CONTAN AS SÚAS MOEDAS



XANEIRO – NO CEMITERIO

Coma cada sábado, Pilar levaba flores frescas aos apousentos dos familiares defuntos.

O cemiterio era o escenario dos segredos, onde baixo terra gardabase o que non se podía sacar á luz. Arredor atopábanse nichos de tres alturas, todos iguais. As cruces parecía que nunca se acababan.

Estaba situado dentro da vila. O portal de ferro renxía anunciando  a chegada dos visitantes.

Dúas árbores cipreses, coma sentinelas, escoltaban a fachada. Un cartel anunciaba o horario: “Visitas, entre as dez da mañá e as nove da noite”. As tumbas eran todas iguais, e na avenida central atopábase o mausoleo do Señor Abade e o monumento ás almas perdidas, que en vida non tiveron nome e a morte dignificou.  Máis aló, no segundo andar: baixo unha lousa de granito das canteiras de Vila Fría, repousaba o máis ilustre cidadán: Antonio Palacios.

Un mausoleo central, a obra de máis relevancia, ocupaba parte do lugar. Era da familia de Manuel Rodríguez, un cidadán que fixo fortuna no Ecuador e que, de maneira altruísta, doou parte dos seus bens para embelecer a vila. Un anxo protector na cúpula estendía as súas ás acubillando a toda a familia.


O día ameazaba con chover. Na man dereita, María Pilar sostiña o paraugas  que mercara o martes de feira, e na esquerda un ramo de caraveis brancos da tenda da señora Paca. Estaba desexosa de contarlle á súa nai –morta xa hai oito anos– as desventuras de “Ama Rosa” xa que o capítulo do xoves fora moi revelador.

A súa nai comprendíaa ben... sabe polo que estaba a pasar. Era cedo, e no camposanto hulía a baleiro. A muller que coidaba os gatos tampouco estaba.

Xa na casa e na soidade do domingo, non ía a misa,  non comunga cos curas, sen amizades e nun cuarto austero e baleiro de aveños, falaba soa:

–Miña benquerida nai, bótote tanto a faltar, tanto como á avoa.
–Que fago soa aquí ... Sabela ... Sabela

Fora chove a fío.



FEBREIRO - DE PILI A PILAR

De pequena, sendo aínda Pili, ía ao cemiterio coa avoa todas as semanas. Xogaba entre as tumbas con familiaridade, mentres a vella fregaba o panteón de xeonllos no chan de area. Porén, tiña medo dos vivos que sempre lle berraban por rebuldar e tapaba a cara coas mans para chorar. Eran tempos da posguerra, a maioría das mulleres perderan algún ser querido, e a tristura  aínda estaba amarrada aos corazóns.

Pili medrara nun contorno moderadamente feliz e os días transcorreron sen tensión. Estudou nunha rudimentaria escola, onde sentaba nun longo banco acomodándose a empuxóns con varias nenas e recitando o Ave María.

Pasaron os anos e pasou a vida...

A nai de Pili colleu o relevo ao morrer a anciá avoa. Nai solteira traballaba a reo limpando e traballando as fincas como xornaleira de luns a venres  pola tarde. Nunca tivera moita comunicación coa filla. Cando a nena era pequena, traballaba interna nunha casa acomodada. Cos cartos que gañaba mantiña a casa en pé. Deixouna cando morreu a nai. Pili xa era mociña, pero non para estar soa.  Por costume ían todos os sábados ao cemiterio. Non ter pai nunca lle importou, elas saían adiante.

Con trece anos foi de aprendiza ao obradoiro da señora Manuela. Quería ser costureira.

Pilar deixou atrás os recordos e marchou ao encontro do salón dos convidados da natureza.

–Ola nai, como te tratan por aquí? Lévaste ben cos teus veciños? Estes días pensei en ti, nos teus tempos, cando traballabas na casa do xuíz, unha mágoa ter que deixalos. Pero nai que culpa tiña eu, era tan cativa.

–Sei que o pasaches moi mal de xornaleira. Agora comprendo ...de luvas brancas a sachar as terras. A miña avoa, túa nai, ela tamén sufriu, pensar que eran pasteleiros... maldita guerra, acabou con moitas familias. Eu queríate mamá. Lembras cando me traías agasallos no teu día de descanso, xoguetes e roupas dos nenos podentes... Sempre choraba cando marchabas.

MARZO – VOU SE DISPOÑO DE RADIO

Ese día, xoves, ás oito e media da mañá, Pilar entraba na casa de Carmiña. O día non comezara moi ben. Unha mesta néboa acochaba os cumios das montañas. Doíalle o xeonllo da perna esquerda, ía cambiar o tempo. As rúas aínda estaban repletas de charcos. Carmiña era clienta dende sempre, pero Pilar non vai moi contenta, sabe que vai rifar con ela pola radio.

Tiña o fillo maior enfermo de pneumonía na cama, xa levaba seis meses e aínda non o deixaban erguer. A radio estaba no cuarto do rapaz. Isto creáballe un conflito a Pilar, xa tivera un encontro o mes pasado cando lle fixera ao aparato unha funda rematada con puntilla.

A casa de Carmiña era modesta, cun patio cheo de rosas silvestres, e das paredes pendían dúas gaiolas con paxaros canarios. Un emparrado daba sombra e, se o tempo o permitía, á tardiña remataban alí os traballos.

Na cociña, onde tiña a máquina de coser, xa estaba todo preparado: sabas para remendar, un vestidiño para a nena, saias para subir .... tiña para xantar garavanzos con bacallau, e iso gustáballe. Ela sentíase en familia nesa casa.

Pilar non perdía de escoitar a novela “Ama Rosa” mentres pedaleaba na máquina de coser coa casa en silencio sepulcral. Eran as cinco en punto da tarde. O serial radiofónico contaba as desventuras de Rosa que, ante a súa inminente morte, decide dar ao seu fillo en adopción. Ía polo capítulo no que o médico, Rosa e o home deciden manter en segredo a adopción a fin de que a muller non se decate que o neno que acaba de parir naceu morto.

María Pilar suspiraba!


ABRIL - AIRES REVOLTOS

–Ai nai! Teño que contarche. O luns fun traballar á casa de Ramona, a do carballo, sabes non? ... pois como non lles gusta madrugar, fun para as dez.

–O día estaba revolto, pesado. Ía calor para este tempo de primeiros de abril.

–Cando cheguei, atopeime cunha revolución de xente na porta falando en murmurios. Escoita ... a filla, a única que teñen, desapareceu. Levan toda a noite na procura dela. Veciños, amigos, familia ... lémbraste dela?

–Eu, como ti sabes ben, polas pernas non puiden axudar na procura. Abrinme paso e entrei na casa a consolar a Ramona. A vivenda é pequena pero limpa coma os chorros do ouro. Estreita e longa, ao fondo, na cociña, choraba a muller sen consolo. A máquina de coser estaba disposta nun recuncho. Fixen infusión da flor do tileiro para que acougase esa nai. Man sobre man e hora e media máis tarde, marchei.

–Pois xa pasou unha semana e teño as últimas novas; vas morrer co que che vou dicir –o de morrer é un dicir– A moza fuxiu! Si, cun home casado! Pobre Ramona! Ten que estar con taquicardias. Seica non sae da casa. Estaba traballando o martes no casarío, na de Olga, e no parte matinal escoitei a nova da desaparición.

–Parece que a filla os chamou para avisar  que non a buscasen. Que namorou e que era moi feliz. Ninguén sospeitou nada! Que acochado o tiñan!

–... Que barbaridade!  A un paso da verbena de primavera.

–Agora deixa que che conte como vai a novela ... Rosa non morre! Ten que calar polo ben do fillo. Deberá esquecelo; dóenlle as entrañas. Recibirá todo o que ela non pode darlle con esta familia, carreira, cartos, posición. O amor desa nai, finalmente, lévaa a colocarse como ama de cría da familia e ao servizo do seu fillo.

–Ai nai, como me chega Ama Rosa, ti ben sabes por que.


MAIO - ANOS 60

Era Maio, o mes da Virxe. María Pilar saíu da casa, do cuarto frío, do seu barrio tranquilo. Leva a man ao peto e xunto a cinta de medir, a estampa da Virxe dos Aflixidos que acariñaba con fervor. Non era un bo día, tiña urticaria na man. O corazón sáltaballe no peito.

Ía camiño do cemiterio pero antes fixo unha parada no local de Maruxa, unha droguería no barrio de San Sebastián. A muller quedou viúva despois de vinte anos de matrimonio. Tiña tres fillos, unha nena, xa mociña, que axudaba na tenda cando chegaba da escola e dous rapaces que eran unha dor para Maruxa. Un andaba na mala vida, non respectaba a ninguén e entraba e saía do cárcere de menores decotío. Estivo de leria un ratiño, escoitando as penas da muller. Mercou un cepillo da roupa. Cando saíu de novo á rúa sentíase un pouco mellor. O día estaba claro, a man dereita aínda lle tremía. Pasou pola capela de San Sebastián e prendeulle unha bolboreta ao santo.

Eran tempos de cambio e na rúa notabase optimismo. Pero non para Pilar que se sentía perdida, hai tempo que non ía ao hospicio.

–Bos días nai.

–Hoxe cheira a rosas, quen é o veciño novo? Ai meu deus ... que mal día teño avoa, hoxe víñame ben unha larpeirada do avó. Mira ti o que me ben a cabeza!

–Esta semana traballei na de Carmiña. Tíñame para xantar macarróns ao forno, sabe que me gustan moito. O rapaz xa está ben, iso si, engordou unha barbaridade. A media mañá, Carmiña, sentou ao meu carón e contoume o que eu xa desconfiaba. Lémbraste do fillo da Chourica, o futbolista?, preñou a noiva e tivo un neno. O mozo non quixo facerse cargo aducindo que non era seu. Pero Silvita, a noiva, e moita muller e denunciouno. El levou aos amigos e testificaron  en falso. Silvita gañou o xuízo e ten que pasarlle unha pensión ao neno. Saiulle clavadillo a el!

–Algunhas mulleres que valentes son, a que si nai? Si eu tivese arrestos!

–Estou enfadada con Ama Rosa, non vai para adiante. Canto ten que tragar a pobre! A casa de Carmiña estaba chea de mulleres que van lavar no río, preto da casa. Ás cinco da tarde deixan a roupa ao clareo e van escoitar a novela. Todas arredor da radio maldicindo con improperios ao fillo de Ama Rosa... langrán... sen vergoña, como lle fas iso a túa nai?

–Nai, para este verán, que non vou estar, falei coa señora Paca. Encargarase de traervos  flores frescas todas as semanas.

–Adeus nai, ata pronto. Quérovos.


OUTUBRO – BARRIO NOVO

O choricar da choiva túzara non a deixaba respirar, só pensaba no verán. Outro mal día. A casa estaba húmida. Mercara un piso pequeno cando vendeu a casa familiar; para ela soa chegáballe. Estaba baleiro de mobles e de vida. Co único que se quedou da outra casa foi cunha cadeira de respaldo alto da nai. O novo barrio gustáballe, Santo Cristo dos Aflixidos, o cruceiro máis sosegado e apracible da zona.

A vila mide un palmo. Os comercios abrían as portas e dotaban as rúas de vida. Esa maña camiñaba polos soportais para non mollarse, ía á da señora Olga. Tiñan unha teima: sacaban do faiado as cousas vellas para que mirara que eran pobres e así cobrarlles menos.

–Ai nai, ti entendes aos ricos?

–Pensan que son parva ... pero si é médico, mal o raio os parta!

–A señora Olga contoume entre fíos, pespuntes e ollais, que a  Mari, a do capitán, marchou detrás do home a Venezuela. Non sei que alma lle dixo que estaba con outra muller. Conta  que se leou unha gorda, as dúas mulleres rifaron e pelexaron. A Mari viuse de volta sen o home.

–Agardo que che gusten as flores. Hoxe estiven a mercar aceite e bolboretas na tenda de Matilde e Avelino, na Ponte do Valo. Seguen coma sempre, avaros, amañan na pesa sen no lle prestas atención, e non coñecen vasoira para varrer o chan. Non me estraña que sexan pasto das bromas dos rapaces do barrio.

–Pasei unha mala semana. Teño que poñer orde na miña vida.

NOVEMBRO – VOU POR TI, SABELA

A tenda da señora Paca, no barrio de San Bieito, era unha estancia soleada e perfumada, na que as flores inundaban o cuarto. Podíase mercar a calquera hora do día.

Se a alguén se parecen as flores esa era a señora Paca. Sempre co sorriso posto. De pel brillante coma o veludo e sempre disposta. 

–Bos días Paca, hoxe madrugaches! Lembrei que aos martes vén o provedor e quería crisantemos para o sábado. –dille María Pilar.

–Pásome a recoller as flores antes de ir limpar. Teño que fregar o panteón para que luza ben en Defuntos. Imos ter bo tempo.

–Ata o sábado entón.

–Adeus Paca.

María Pilar  sempre escapara das tarefas de limpar o panteón familiar. Uns días antes de Santos, no cemiterio, había un frenesí de mulleres que traballaban a reo para facer do camposanto un xardín florecido.

Sempre ía frío nesas datas, aínda que a choiva daba un respiro e os ventos calaban. Un pacto entre deidades e almas o día da resurrección.

Ai! Eses mortos!

María Pilar continuaba para o traballo, deixaba atrás a rúa Manuel Rodríguez coas campás do reloxo do campanario da igrexa Santa María, dando as nove. Pasaba moi apresa pola rúa Ramón González saudando algunha persoa solitaria a esa hora tan temperá. Uns peregrinos na praza central no Cristo de Pedra, faro e guía, preguntáronlle por onde seguir para Santiago de Compostela.

Á altura do “Santo Cristo de Belén”, María Pilar pensaba que o cruceiro era venerado por todos os veciños, sempre con flores frescas.

A casa de Celia, na curva da Relva, de dúas alturas, con balconada arredor parecía que miraba por riba das demais. Era xente de pluma e de ben. A xornada de traballo foi moi longa.


O sábado amenceu como se esperaba. Un día despexado, como anunciaban no parte.

–Benquerida nai, hoxe teño novas que contarche. Ti ben sabes que o que che digo sempre é certo. Lémbraste de Celia, a dos Catro Patacos? Casa por poderes a filla maior!

–Ai nai, veremos se lle sae ben. O rumoreo que hai é que están na ruína. A verdade eu non o notei, pois xantei todos os días a mar de ben. Traballei toda a semana no enxoval, manteis, sabas, toallas. Creo que o noivo é un potentado que ten unha facenda en Brasil. A voda é para xa. En canto lle chegue o visado marcha. Celia mostroume unha foto, é ben parecido, iso si, lévalle unha burrada de anos!

–Ama Rosa estache moi intrigante. O fillo, un mozo malvado, rico e ambicioso, faille a vida imposible. Ela sopórtao todo con gran resignación e garda silencio ata que consegue que o amor cara ao seu fillo triúnfe sobre todas as cousas.

–Xa non podo máis nai... vou por Sabela.

A voz saíulle esnaquizada da gorxa e unha bágoa escorregou ata a comisura de os seus beizos.


DECEMBRO – MARÍA PILAR E SABELA

Os ollos de María Pilar eran coma a mar en treboada, acochados por unhas lentes de metal. Baixa e regordecha e de perna curta e moito peito; o cabelo longo e rizado de permanente, levábao suxeito cun pasador a modo de moño. A traballar sempre levaba un mandil e uns manguitos para non estragar a roupa.

Da man da señora Manuela coñeceu o oficio de modista. Traballou ao seu carón uns anos de mociña ata o accidente que a apartou da vida cotiá. A señora era fachendosa pero moi alcaiota. Tiña un sobriño que viu facer o servizo militar a Figueirido e ía xantar con elas os sábados. María Pilar, sabíase bonita e gustáballe coquetear cos mozos. Xosé era un langrán monicreque,  de ollos pardos e man solta. Conquistouna.

Foi a súa desgraza. O ceo verteu toda a súa auga.

Cara aos demais, María Pilar, era simpática e leda; non entanto acochaba un triste segredo que pouca xente coñecía. Pasaron os meses e tivo soa ao bebé. Púxolle de nome Sabela.

A nena era bonita coma un día de sol. Dende o ano cincuenta e tres, criouse no hospicio, entrou con  tres meses e estivo ata os quince anos. Non se parecía a nai. Era alta, de pel mourana, e  cabelo laso. Veu con ela para aprender o oficio, pero a moza era un pouco inxenua. O primeiro mozo que a roldou, namorouna e marchou con el para Porto.

Cando de pequena, todos os anos no  verán, Pilar, recollíaa no hospicio e ían para Portugal. Permitíase non traballar e gozar unha da outra. Eran tempos fermosos, lonxe da tristura do resto do ano. Cando chegaba o día de volver o pranto de Sabela non se esgotaba e  Pilar morría da pena. Pero non podía facer outra cousa.

Durante todo o ano achegaba cartos suficiente as monxas do hospicio para a súa manutención, estudos, e trato.
Pilar vía pasar o inverno pedaleando a través da máquina de coser.


EPILOGO

O tempo consumíase moi apresa. Pilar cumprira os sesenta e cinco anos e tiña unha dor continuada nas costas, corcovada de pedalear tantos anos.
Entrou no camposanto, un día de agosto no que o sol consumía as flores, con moita enerxía e con boas novas, cunha formigade, había tempo esquecida, sensación de pracer.

–Nai, voute  liberar, e a ti tamén avoa. Marcho para Portugal. Vou pasar tempadas con Sabela. Necesítame.

–Mañá volvo co sepultureiro. A ti avoa sementarei as túas cinzas polos campos onde te criaches; e a ti nai, no mar que tan pouco viches e que tanto che gustaba.

–De Ama Rosa pouco teño que contarche dende a semana pasada, salvo que o amor dunha nai triunfou!

–Que vidas mais paralelas, non che parece nai?

–Xúrocho nai, o onte meu nunca será o meu mañá!







No hay comentarios:

Publicar un comentario