domingo, 22 de mayo de 2016

DENDE A XANELA- ALITERARTE de Editorial Elvira




aLiterArte, un libro onde os relatos dan vida aos murais pintados por artistas nas rúas da nosa cidade olívica.

Para min foi un pracer presentar, no meu relato, a un Vigo dos anos vinte, da man do pintor Antonio Barbará - Powone






Son as oito da tarde, é venres. Mariana achégase ata a fiestra coma todos os días.

Pega a faciana ao cristal da ventá entreaberta, agradece a humidade e contáxiase do que acontece na praza, respirando ese mundo que coñece ben e ao que xa non ten acceso. Ule a pranto, a despedida e a cinza. Pasa as noites esperta, e fai súa a vida dos demais. Está sentenciada nunha cadeira de rodas.

A noite non é moi fría para ser finais de outubro, pero a bruma comeza a baixar. O escenario está a prepararse; os farois, coa súa luz tenue, desprenden un halo difuso de complicidade. Máis aló, na beirarrúa, o chiar do tranvía anuncia a súa chegada, directo dende as cocheiras de Travesas. Fai entrada ás vinte trinta. É o mesmo que anos atrás colleu o seu mozo. Nunca volveu.

No ar mestúranse cheiros de enfermidades, de fariña, de castañas asadas e de fritadas. Preto da xanela, dende o segundo andar, dun edificio ruinoso, Mariana afoga nas entrañas da nostalxia mentres transcorre a noite. Acariña as perlas do colar, xa desgastado polo tempo, que luce no colo aínda sabendo que son falsas. Agasallo do seu home, de cando tiña os ollos cheos de bágoas sen derramar. Agora asexa aos solitarios que saen apresa do cine Odeón, e ás parellas novas con risos nerviosos, iniciando as primeiras historias de amor.

Mariana abesulla por entre as contras, máis aló, a tafona e a casa de comidas.

O sereno anuncia co chifre o peche dos portais. Ten por diante unha noite longa de vocear as horas en punto e dar o parte do tempo.

Xa preto da media noite comeza o desfile que máis lle gusta, as putas. As putas da capital, así lles chaman para diferencialas das da rúa Pracer, roldadas polos mariñeiros que chegan ao porto a cotío.

Ule a desarranxo e confusión, a beizos vermellos, a respiración entrecortada e a escuridade. Pasean diante dos farois cos peitos descubertos, tacón alto e medias de malla por enriba dos xeonllos, movéndose con graza. Con lascivia.

Os autos rosman, e o olor a testosterona flúe entre a brétema da noite. Un alcatreo a respiración axitada e corpos impregnados de sexo, que se mestura entre homes e mulleres de perfume barato e o fume dos coches.

Mariana repara no chulo, agochado nun portal detrás do sombreiro, ollando todo o que fan as súas fulanas, “Carapuchiña, Branca de neve ou a Bela Durminte” nomes de guerra, inventados por elas para non esquecer a afastada infancia onde todo era inocente.

Pasan as horas e o gardián, sen vergonza, colle a recadación, deixando atrás un rastro de ferruxes e amargura.

A da noite é a súa familia.Mariana foi puta hai anos, antes de casar. Na mesma rúa, desfilaba pavonándose debaixo dos mesmos farois. Cando o seu home a deixou todo foi a peor, volveu ao bulevar. Cada noite bebía para esquecelo, a el e a si mesma.

O fatídico día o ar ulía a presaxio. Espertou no hospital militar un mediodía primaveral. A malleira que lle deran deixouna eivada.

No albor da mañá, na cidade olívica, e na mesma avenida, os primeiros tranvías ataviados coa bandeira galega e viguesa chegan ateigados de vendedores ambulantes. Ofrecen aos transeúntes froitas e verduras con recendo a vida, a terra. Os leiteiros comezan o reparto nas casas e asubían cando pasan ao lado das mozas, sacándolle a Mariana un sorriso.

Ule a mar e a sal, a peixe aínda vivo que as regateiras da lonxa, co paxe na cabeza, levan ao mercado.

A treboada que caeu esta madrugada de Santos deixa a rúa xa limpa de pecado. Mariana atópase cun novo día, o reloxo de parede da sala dá oito badaladas. Sinte pasos, é Pepa, que coa súa inocencia ofrécelle os primeiros churros da mañá nun cornete de papel de xornais.

Xa é hora de durmir.



No hay comentarios:

Publicar un comentario