jueves, 16 de junio de 2016

A DERRADEIRA VIAXE - Finalista do II certame de relato curto "O outono nas Illas". Organizado polo Parque Naional Illas Atlánticas.



É outono, dez de novembro do dous mil quince. Estou no Parque Nacional da illa de Ons, preto do Buraco do Inferno. Neste mes, coma todos os anos dende hai cincuenta xa, fago o mesmo percorrido polas illas Atlánticas. Cíes, Sálvora, Cortegada... É un ritual.

Ao meu carón unha mociña de doce anos, a miña bisneta, que se empeñou en acompañarme este día. Creo que é cousa da miña muller, di que xa vai sendo hora que lle deixe en herdanza os meus sentimentos, que lle aprenda a amar o que eu tanto quero.

Camiñamos a modiño, o día está claro, sen nubes. É un outono seco como non se recorda. A terra desprende vida con recendo a música e a sal, deixando pegada na nosa pel. As herbas de namorar trepan pola rocha, fermosas, entre as matogueiras.

A nena está abraiada da beleza do azul prusiano do océano, das augas disfrazadas de verán, do fresco do vento mareiro e suave que lle fai acenos. Pregúntame:

- Bisavó, por que as follas das árbores teñen tantas cores?

O equinoccio do outono é un agasallo para a vista. -cheiras as follas?, ule a ocres, verdes, amarelos e vermellos. Bailan nos piñeiros, nos salgueiros e nos carballos antes de caer axudadas polo vento do norte.

Sentamos cara ao sol para repoñer forzas e petiscar un pouco de queixo. Ao lonxe, a andoriña real a piques de emigrar a un lugar cálido. E unha bandada de gaivotas voan por riba das nosas cabezas ollando para a comida.

Nesta data, xa baleira de turistas, escóitase o ruído que fan as vagas no mar. No leste as ondas camiñan coas puntas dos pés cara a praia, e no oeste rompen no cantil.

Namora!

A illa recupérase de sobresaltos, motores de lanchas, e o ruxir dos barcos ateigados de xente.

O outono chega co seu manto de esperanza. A humidade da estación é a liberdade para os seres vivos que se abrigaban do verán. Seguimos camiñando, o último tramo é estreito. A elevación do carreiro afógame. A cativa di que pode tocar o ceo e o mar coas mans, -bendita sexa- xoga nas rochas quentes polo sol do mediodía.

As dunas na praia estanse a formar axudadas polo vento. Arredor as herbas de San Xoán que perduran do verán, esveltas, perfumando o ar. Se prestas atención, escoitas as conversas dos paxaros, os seus segredos, como se contan a vida o paporrubio e o merlo. O galanteo das ruliñas ...

Eu tamén estou no outono da miña vida.

- Bisavó, cóntasme un conto? Si? Pode ser de aventuras?

Queres que che conte unha lenda?

“Hai moitos anos unha serea vivía na illa, no Buraco do Inferno, pretiño de onde estamos agora. Ninguén a viu, pero din que viaxou nunha embarcación coma polisón e...

- shhh... pecha os ollos.

“A noite chegou galopando a lombos dun centauro, seguido de relustros e tronos que iluminaron o ceo, abríndose en abano as chuvias torrenciais. As ondas ruxían turbulentas elevando o mar.

Un galeón corsario desafiando as tormentas continuaba a viaxe e un centenar de mariñeiros traballaban arreo fundindo os remos na auga escumante. Guillermina, así se chamaba o mascarón de proa, altiva e desafiante, suca as augas das illas Atlánticas onde mora a serea, que inducida pola moura con aparencia de serpe, atraeu ao capitán coa súa voz máxica de sedución.

Foi a perdición do oficial!

Quedou atrapado no interior dunha botella. Impotente, non puido facer outra cousa que confiar na tripulación.

O vento asubiaba sen descanso. Os mariñeiros, sabedores do perigo, pediron axuda en murmurios a “Eurínome”, a deusa de todas as cousas.

A cor violeta no horizonte anunciaba o novo día, tras el, un sol tremente. Arredor do galeón voaban os seres que acudían ás súplicas dos navegantes:

“Arpía”, a man dereita de Zeus. Veloz e poderosa dos ventos tormentosos e infortunios.

“Dragón”, o voador, de cor branca, lanzador de conxuros. E “Pegaso”, o cabalo voador que transporta os raios de “Zeus”

A tripulación guiada polos seres divinos colleu forzas, e sen desfalecer, xa preto da illa de Ons, tivo outro tropezo. Atopáronse cos malignos, guiados pola serpe. “Leviatan”, o monstro mariño, “Kraken”, o polbo devorador de barcos e medusas xigantes, que envolveron o vento freando o navío.

Ante a inminente invasión, o sol ocultouse e manifestáronse as tormentas, choivas torrenciais e fenómenos inexplicables de seres superiores que dominaban as augas e ondadas sen fin.

Sumouse á cruenta batalla naval, “Pan”o deus das brisas do amañecer e atardecer.

Así durante días e días.

Aos ollos dos corsarios, os raios de Zeus, os conxuros do Dragón e o castigo de Arpía, puideron coa resistencia dos monstros do mar.

Acurralada e ameazada de morte, a moura, ordenou desfacer o feitizo, e nese intre, o capitán tomou forma humana. As vivas dos seus homes, esmigallados tras da batalla, non se fixeron esperar.

Das profundidades do océano, irrompeu “Neptuno”, dende o seu reino de castelos dourados, co seu poderoso tridente e os inseparables cabalos brancos cabalgando as ondas, chamando ás Ninfas da corte para que cantesen, e aos delfíns e baleas para que escoltaran a tripulación xa en augas tranquilas e pacíficas ata a ría.

E o Capitán, a lombo da Balea maior, chegou a porto triunfante.”

A mociña ri e di ao bisavó de onde saca esas historias fantásticas que sempre ten para contarlle. Os bicos que lle dá cheiran a agarimo, envoltos en apertas de mil cores.

Xoán queda en transo e lembra:

Aquela mañá, ás sete corenta, o dez de novembro do cincuenta e seis, o “Ave del mar” enfilaba a porta natural da ría, enmarcada polas illas Atlánticas.

Un outono, nada que ver co bo tempo de hoxe. O poderoso latir do mar, os abruptos acantilados e a brétema foron o infortunio do barco e mariñeiros.

As novas nos xornais da mañá contaban en titulares: Naufraga o pesqueiro “Ave del mar” na illa de San Martiño ao tocar cuns baixos. A intensa néboa ...
- “Naufragar no mar que baña a casa”.

- A nena responde ao aceno que lle fai o bisavó no cabelo, e mírao de esguello sen entender de que fala.

As mulleres fermosas e feiticeiras “as mouras” do conto da bisneta non estaban alí. Nin tampouco Arpía, nin Pegaso nin Dragón.

Hai anos os cascos dos galeóns aproveitábanse para facer bateas de mexillóns.

- Cousas da vida!

Non coñecemos se os bancos de peixes que vivían na ría, sargos, congro, sardiña ou robaliza, axudaron batendo as ás guiados polas gaivotas de patas amarelas ou o corvo mariño a soster o barco no mar.

- Non claro que non, isto é real! Pensa para el.

- A Virxe do Carme tamén estaba ausente.

Xoán, perdeu o primoxénito nas augas salgadas e frías aquela mañá negra. Durante un tempo odiou as illas. Hoxe ámaas. Visítaas en memoria e recordo do seu fillo, pai dun bebé e home dunha muller que lle gardou ausencia durante unha década cun pano negro cubrindo a cabeza. As súas bágoas levounas todas o mar aquel ano, tamén o cabelo castaño coma o outono, que lle mudou en fíos prateados.

Hoxe despídese del, no Buraco do Inferno, onde sempre quixo crer que a corenta metros de profundidade, están as almas dos que perderon a vida nos naufraxios. Así llo contaron os paisanos. A Santa Compaña sae da punta Centolo e percorre a illa desaparecendo polo cemiterio.

- “Fillo, sei que estamos conectados co pensamento. Seino por todas as cousas que me ocorreron ao longo da miña vida. Ías un paso diante de min, abrindo camiño, apartando os demos, e o desacougo da miña alma.

O que non me perdoo é a rifa que tivemos. Escolliches unha boa muller. Agora douche a razón. Mágoa non decatarme antes! É que eras tan novo para casar!

A túa nai tamén está delicada. Comprende fillo que a metade do seu corazón foise contigo.

Tiven unha boa vida!

A filla que non viches crecer, é hoxe unha fermosa nai. Ela culminou a miña felicidade con este besbello, a túa neta, que é un retrato teu.

Recórdame tanto a ti!

O meu barco tamén se afunde, é hora de partir, estou no derradeiro compás. Non teño medo. Búscame nas tebras para que non me perda. Quérote”

Xa de regreso, co sol do atardecer nas costas, á bisneta e ao bisavó sácalles un sorriso o delfín común, moi pretiño deles, facendo cabrioladas.
15 Xuño 2016 - Auditorio edificio Cambón

1 comentario:

  1. Levamos 2 anos compartindo plumas e fermosos momentos. Como mera observadora so podo decir que é marabilloso ver como medras, como cada día sae máis esa escritora que levas dentro e que produce obras tan incribles coma esta. Parabens compañeira. Non deixes nunca de sorprendernos cos teus relatos.

    ResponderEliminar