Ela crece educándose nas artes para ser concubina do
Sultán Ahmed.
No seu catorce aniversario, un día sen sol, Dilara
atravesa a Porta da Acollida do Palacio de Topkapi.
O seu pai dille adeus. A
súa nai tolea, morre só de pensar que non verá nunca máis á súa adorada filla.
O recendo a perfume e pegadas de pracer e vicio, invade os
apousentos das concubinas do harén. A luz que atravesa as fiestras acaricia con
mil cores os corpos fermosísimos das odaliscas, xogando e rindo devagar ao carón das augas quentes da piscina
oval con fontes que súan burbullas pecaminosas.
Dilara está abrigada pola terceira esposa do sultán, a
falta da súa filla morta envorca o seu amor nela. Continua cos estudos de
música e poesía que lle deron os seus pais e ensínalle as artes amatorias.
Unha mañá, na sala do Sofá do Sultán, un eunuco branco,
as agochadas, entrégalle unha misiva.
–Miña
fermosa filla, padezo tanto!Teño que saber, … es feliz?Cóntame para que a miña
alma acougue. Confía no mensaxeiro. Non me esquezas.
Un día a semana, cando o sol se oculta, e protexida polas
sombras de palacio, esconde entre os muros bizantinos, nun lugar xa sinalado, a
misiva para súa nai;
–Madre,
que non a venza o desazo. Estou nun
lugar moi fermoso, este é o meu destino, xa o teño no meu corazón. Aínda non
fun presentada ao sultán.
Dilara escoita sen querer, a unha hora avanzada da noite preto
da Mezquita do persoal de cociña, unha conversa entre dous policías de palacio.
Falan dunha conspiración. Un frío quieto calouna. Percibe entre murmurios …
apócema … sultán … herdeiro … lúa chea. Os ollos fanse á escuridade e olla aos
traidores.
Pola noite, anicada na cama entre sabas de seda, sente unha
ardentía invisible, febril, pensa que non pode seguir gardando a conversa que
escoitou. Ten medo, non sabe se a súa verdade lle traerá un final amargo. Pola
ventá entreaberta, cóanse refachos de lixeiro vento cálido que a adormecen.
Xa de mañá, unha expresión de placidez adorna a cálida
faciana de Dilara. O seu destino está claro. Escribe a súa nai:
–Madre,
onte, como de costume, cando ía a acochar a carta no muro, escoitei unha conversa. Uns soldados ……. Todo
sairá ben, todo ten sentido.
A súa nai, fóra do Palacio de Topkapi, ergue a vista e
contempla unha vaca de ollos tristes, fraca, atada nun arado conducido por un
campesiño turco de pel queimada polo sol perenne, arando a dura terra. –Si, todo
ten sentido.
Xa calma, séntese diferente, como nun bosque despois da
choiva.
O mensaxeiro, o
eunuco branco, faralle chegar urxente unha nota de contido segredo ao Sultán.
Os ollos verdes de Dilara danzan de ledicia. Treme
emocionada. Pensa no sultán con beizos quentes, con pracer, con nerviosismo. Coñece
os segredos de alcoba e acariciará o ceo con el, co seu Ahmed.
Abrazada a súa nova vida, é feliz. Será os seus ollos, a
súa sombra de por vida.
Escribe a súa nai:
–Madre, esta é a derradeira misiva. Esqueza as bágoas. Xa
son unha muller. Deseguida verémonos.
-Dilara.

No hay comentarios:
Publicar un comentario