Derradeiro sábado de agosto. Eran as doce da noite. A
vila estaba en festas e preto do palco da música, na verbena, a orquestra tocaba
as cancións de moda en medio de farois de cores.
Samuel, entre a xente, choutaba por riba das cabezas na
procura dalgunha moza fermosa para sacala a bailar. A noite está quente, e do
ceo penden estrelas iluminando aínda
máis o ambiente. Acicalouse con calma, a camisa branca de manga curta, a
garabata que reflicte as cores vivas na súa faciana, a fronte despexada co
cabelo peiteado cara atrás. Todo el desprende aroma a home.
Escolleu con calma a moza. De cabelo longo ondulado e
negro coma o vestido de costas ao aire. De pel tostada polo sol, movíase ao son
da música. Os seus beizos sensuais cor vermella, perfilados en forma de corazón
expulsaban o fume dun cigarro. Cruzáronse as miradas e dixéronse si cos ollos.
Achegouse paseniño por detrás e tocoulle no ombreiro dereito; a moza virouse e
deixouse facer. Samuel rodeouna pola cintura e con mans expertas achegou o seu corpo ao
del. E esquecéronse de todo e de todos.
Os corazóns latexaban a un ritmo frenético, bailaban de
puntillas o pasodobre “Campanera”.
Deseguida a xente de ao redor apartouse para facerlles sitio. Miráronse un
intre con ollos acendidos, deixándose arrastrar pola música e o clamor dos
espectadores.
Rematou a peza.
Samuel apartouse coxeando coa perna dereita. Ela marchou coxeando
coa perna esquerda.

No hay comentarios:
Publicar un comentario