jueves, 16 de noviembre de 2017

A CIMA ESTÁ UN POUCO LONXE




–Antes de que o serán sucumbise á noite, dixen: mañá será outro día.
A desidia perseguiuna todo o día. Pola cabeza roldáballe unha frase que non se lembraba de quen era e que dicía “se queres crer en ti, necesitas fracasar...” Este consolo non a  axudaba a sacar a presión que tiña no peito, o desacougo que lle percorría por todo o corpo. Almorzou unha torrada con mel e canela, compota de mazás e un reconfortante té verde. Dende a ventá da súa cociña funcional e recentemente remodelada, ollaba a cima da montaña, e maxinaba, que se estendía os brazos podía tocala coas mans. Na radio, a charla dos faladoiros axudábana a non cismar. A vida pasoulle moi apresa e agora necesitaba, máis que recoñecemento, unha motivación para seguir e perseguir soños.
No peto dereito da chaqueta, a vermella escarlata, gardaba o teléfono móbil que consultaba nerviosamente por si non tiña cobertura, pero seguía mudo. As horas pasaban preguiceiras. Na súa cabeza un bulir de pensamentos incontrolados. No seu correo tampouco entrara ningunha nova, só publicidade.
De súpeto, á noitiña, cando só pensaba en non pensar mais nada, desapareceu a presión. Ninguén chamou. Desprendeuse dos recoñecementos, dos flashes con sorrisos e da xenialidade.

–Si, Xa o dicía a señora Mitchell por boca da protagonista daquela gran novela que si levou o vento: “mañá será outro día”. Quizais tamén para min.


No hay comentarios:

Publicar un comentario