O anoitecer na aldea era a hora máis fermosa do día. Lembro o sol danzando e escondéndose detrás das pequenas illas, coloreando o ceo de vermellos insuperables. As miñas irmás, aínda inocentes, bañábanse nas tardías horas nun lago calmo aproveitándose dos derradeiros raios.
A nosa familia de etnia Bantú emigrou dunha terra áspera e estéril ao Lago Malawi, preto de Tanzania. Apenas contaba catro anos e para min todo parecía existir dende sempre. Os homes aprenderon a pescar e as mulleres a traballar a terra, deixando que esta nova vida lles conducise sen fatigas a un novo abrente.
Cando lle arrincaron o bebé á miña nai do ventre, unha nena que pesaba non mais de dous quilos, agarimeina no meu colo. A meniña aferrouse ao meu dedo, o polgar, e xa non o soltou. A miña nai morreu no parto. A nova irmá é a terceira das mulleres da nosa familia.
Chamámola Alika –a alma máis fermosa. Cando abriu os ollos, cor chocolate, aquela..., daquela rouboume o corazón.
Plantamos unha árbore preto da tumba de nai, como era a tradición. O vento que arrolaba as follas musitaba cancións para a súa nena que os deuses non lle deixaron aleitar.
Xa mociña, Alika, e á sombra da árbore, quixo escoitar o que o corazón lle pedía:
–Vai en busca do teu destino. Oíu o murmurio das follas ao serán movidas polo aire cálido.
Coñecéranse tres anos atrás na estación fermosa e espiritual do outono e comezaron a mirarse aos ollos, eses ollos que se derreten coa tenrura do primeiro amor. Dakari, de etnia Botanga e orixinario de Zambia, decidiu emigrar ao vello continente buscando a vida soñada.
Foi un amor asentado co tempo, de longas cartas, un querer que arrancou con versos e máis tarde con desexo ate converterse en paixón. Unha vez cada dous meses acudía ao locutorio para escoitar a doce voz de Alika. Sempre á mesma hora, guiados polas estrelas.
Dakari chegou á terra prometida na primavera árabe. Afortunado cun traballo está a abrirse a vida en Europa, e necesítaa. Necesita o apoio do seu amor. Casar e enfrontarse a un futuro xuntos.
Prometéralle a miña irmá que non a deixaría soa, que iría con ela na procura de Dakiri. Dous meses de camiño sen máxicos anoiteceres; cheos de penurias e fatiga antes de embarcar.
Aférrome aos recordos da terra para non desfalecer. As febres fanme perder a noción do tempo e do lugar. Preto de min, Alika,a miña irmá, a pequena, chora..., chora e berra sen descanso e sen consolo, ata que cala esgotada. Ten medo deses homes sen nome á espera de súa rendición para botala ao mar. Ese mar bravío da cor da treboada, negro e triste.
O cheiro a sal atenúa o fedor da morte latente neses corpos desgastados polo paso dos días. Do horror da espera. Da incerteza. Agonizantes xa sen forzas, cos beizos xeados estragados pola sal e a falta de alimentos. Cos ollos pechados escóitase balbucir socorridas súplicas a ese Deus, que fuxiu deixando as nosas almas á deriva.
Pouso a mirada nun recanto da balsa, esa balsa construída a toda presa que posúe signos irreversibles de unha pronta destrución, nun mar sen fin que camiña sen pautas, de norte a sur de leste a oeste segundo sopren os ventos. Xa hai tempo que os remos non teñen dono. Nesa esquina da xangada, custodiado por una ducia de almas destinadas a morrer, vixían o balde da pouca auga que nos queda, con mirada esperta e vidrosa, sen baixar a garda, como quen vixía o máis prezado tesouro.
Asida a min, Alika delira, fala moi quedo, nun rumoreo, das súas nupcias. Unhas nupcias que nunca se van celebrar.
Ao estrondo do mar faille competencia os lamentos dos homes, espidos e maltreitos pola fatiga.
A miña irmá, a pequena, deixa de chorar, de rir, de falar, e mesmo de soñar. Sostéñoa nos meus brazos, coma cando viu a este mundo,mentres lle di adeus á vida. Expira, marcha de meu lado. Deixa de sufrir.
O pozo dos desexos secou.
Non sei canto tempo pasou; quedei baleira de bágoas. Non permitirei que a pequena, miña irmá, faga a última viaxe soa. Acompañarei o seu corpo ata a meu último alento nestas augas xeadas. Mar sedento de inocentes. Sen balbordo, sen espaventos; so deixándome ir, que o mar faga miña última vontade.
Noticias TV da canle local:
A deste domingo é a derradeira traxedia: témese que uns trescentos inmigrantes afogáronse tratando de chegar nun barco a Europa. A embarcación na que viaxaban homes e mulleres de diferentes puntos africanos, naufragou no Mar Mediterráneo a uns douscentos dez quilómetros da illa italiana de Lampedusa.
![]() |
| Día das Letras Galegas 2016 |

Decír que estou orgullosa de ti é pouco... Levamos máis de dous anos compartindo pluma e o teu progreso deste ultimo ano e inegable. Este relato é fantastico e marabilloso coma ti.. Moitísimos Parabens amiga!!!! E a seguir cosechando éxitos!!!
ResponderEliminar