Olivia pensa que xa ten curtido o corazón, mais a soidade atravésao de novo.
Ela vén do inverno, de hábitos distraídos, de illamento, de busca espiritual. Agora sinte a tentación de saír a media tarde aos reclamos ineludibles do equinoccio, oír os paxaros, cheirar os perfumes no aire, cegarse de luz e o desapego do abrigo.
As noites son para outros. Podía estar máis soa, pero ten a soidade como amiga.
Todo o traballo do inverno pérdeo, cando unha tarde de sábado, entre luscofusco, escoita a algarabía que traspasa a fiestra, aberta pola calor, da xente que viste a terraza coa pel morena desfacéndose en gargalladas.
Colle forzas e sae á rúa, co sorriso posto, o que ensaia diante do espello, a de beizos frouxos, deixando entrever unha pequena felicidade, a que se aprende, a de sorrir de dentro para fóra.
Olivia camiña na hora prohibida. Alguén entretena e ábrese un abismo, un buraco negro, tendo que escoitar a ironía dos que están acompañados;
_Ola !, non sabes que ben estás! Non tes que darlle contas a ninguén …
O desacougo, o abatemento, fan que Olivia volva ao seu castelo amurallado. Comezara a construílo anos atrás, coa súa separación, e nel atopou a independencia, a emancipación da xente absurda, do dano gratuíto. Daquela, a soidade era escollida. Hoxe. Doe.
Xa na casa, o pranto desencadéase e os ollos xa espidos péchanse rendidos.
Cae nun sopor amargo con trinta pílulas, agochadas na man, engulidas paseniño unha a unha.
Carmen Oliveira.

No hay comentarios:
Publicar un comentario