viernes, 18 de marzo de 2016

MANUEL. (Noviembre 2015) Segundo Premio do concurso "Dillo a quen maltrata" do Concello de Lalín.




Querido irmán: Onte vin nos teus ollos unha mirada de carraxe cara a túa muller. É preciso que lembres!

Envíoche as derradeiras follas do diario de túa nai, que tamén é a miña.

Xullo 1994. O verán chegou con forza, é a miña estación favorita. Con gusto gardo a roupa do inverno xa durmido.

O medo non ten sono. Vivo a cabalo entre súplicas e perdóns.

É a hora do Ánxelus; fago un descanso, ordeno a mesa, colgo o teléfono que veño de empregar, collo o bolso e saio a por un merecido café.

Quedo sen fala … as mans súanme, un calafrío sacódeme. Acho no moedeiro anaquiños de tea. O estampado de meu camisón de flores pequenas, brancas e amarelas, margaridas exactamente, cortado en triángulos iguais. Que mágoa! Amábao! Era parte do meu enxoval, agasallo de miña nai.

Xa é outono, un asustado sol quere brillar, pero unha nube escura cruza o ceo anunciando posibles balloadas. Revólvome.

Quero mercar momentos, de tranquilidade, de sosego.

Camiño polo corredor a modiño, os nenos xa están deitados, pécholles a porta para que ningún ruído os esperte do seu soño recente.

Escoito os pasos, o medo apodérase de min, non alento, non fago ningún movemento estraño, o pulso vaime a mil. A náusea afógame.

Procuro que non note a miña presenza; tarde … achégase, noto o seu alento pastoso e fedorento no meu colo.

Pecho os ollos. Vírome, e na man ten unha cinta de medir estendida; un besbello atropelado sae da súa boca.

_“Un metro setenta, chega ben para o caixón”.

O inverno adiantouse. Na radio soa unha canción festiva. Cando foi a última vez que bailei?

Sento no sofá de brazos e respaldo alto, herdanza da miña avoa, descansando do día longo e difícil e pecho os ollos un intre.

Nese entresoño unha maraña de pensamentos pásanme pola cabeza;

_O Amor! Cando mudou?

Espértame do soño un líquido frío e pegañento, que me empapa o cabelo, derramándose por todo o meu corpo, mollándome o traxe novo que estreei esta mañá, na que “EL”, o meu home, me dixo que lucía fermosa.

O cheiro a whisky e un son de mistos que cortan o aire,paralízame.

Si Manuel, quizais ti non te decates, pero non vou consentilo! Aquí estou, para lembrarcho.


Carmen Oliveira.


1 comentario:

  1. Merecidisimo segundo premio. Un relato que sin utilizar detalles explícitos refleja a la perfección una realidad tan dura como esta. Enhorabuena

    ResponderEliminar