https://www.youtube.com/watch?v=TH241wPr6cw
Atópome ben, por fin!
Saio á rúa toda posta, acicalado o pelo,
solto, ao aire. O abrigo vermello, que merquei nas segundas rebaixas do
inverno, séntame de marabilla. A miña nai aprendeume a rebuscar nos saldos.
Entro “na tenda de oportunidades” e
atópome con fulaniña, hai tempo que non nos viamos:
-Ola! Bicos, e botámonos
a leriar.
-estás estupenda, tes
parella? -di ela.
-non -contéstolle. Xa
teño o demo a rosmar na cabeza.
-Ah … non te preocupes, estás
moito mellor así. Aínda que xa verás, xa verás como encontras. -Non teño ganas
de rifar tan cedo!
Que doado é amolar!
Amáñome a roupa, doulle un aire ao
cabelo, cruzo o bolso nas costas e saio de novo a rúa. Ergueita e co sorriso
posto camiño para casa.
Chámame a atención unha muller que me
fai sinais. Agardo a que se achegue.
-Es ti, coma che vai?
-É unha coñecida do último traballo.
-Non cho dixeron?
Teño un choio estupendo. Conseguino por fulano, amañoume o asunto. A ti non te
chamaron, verdade? Non por nada muller, seguro que é pola idade.
Amolar, amolar.
Pretiño xa do meu refuxio, acordo mercar
peixe para xantar. Entro no supermercado, na fileira teño tres persoas diante
de min. Tócanme no ombreiro. É a muller do meu curmán, e bla bla bla. Xa
rematabamos a conversa cando, como non, tiña que saír:
-e que? xa es avoa?
-aínda non -contéstolle.
-Pero, non teñen
parella? Esta xuventude!
-Está ben … que morra o conto.
-Está ben … que morra o conto.
-Escoita, contáronche
a nova? A do fillo do teu veciño, o que fai culturismo? Vas rir!
-Pois verás, é actor porno! -dime toda chea.
-Pois verás, é actor porno! -dime toda chea.
-Arre demo!
-Si, os pais máis a avoa
fóronche ao estreo do curto. Que modernos, non si?
Amolar, amolar.
Non quero pensar cando se saiba a
noticia da única filla do irmán pequeno do meu pai. Despois de nove anos de
casada, liscou con outra muller deixando a filliña dun ano. Estivo demasiado
tempo acochada vivindo unha mentira.Vaise armar unha boa rexouba!
A bruma comeza a baixar e o meu peiteado
tamén.
Eu que son portadora de mil batallas,
sempre co estandarte en alto, camiño para casa farta. Non podo aturar máis. Volta
a comezar un período de espírito construtivo.
Sempre amolando.
![]() |
| O demo está a rosmar |
Co ímpeto que saín esta mañá! Isto teño
que contarllo a alguén, sacalo de dentro. Escríbolle un whatsapp a unha amiga. Pois nada, non me contesta. Mellor envíolle un
e-mail contándolle as miñas penas.
Non mirará o móbil? Meu Deus! Nin que
fora a perder tanto tempo! por favor … ese becho que teño no bandullo vai engordando, e eu, decaendo un pouquiño
máis. Non teño folgos para seguir.
Amolar, amolar.
Ao serán, colles de axenda telefónica e
dis, vou saber desta xente, a ver como andan … Ninguén, pero que ninguén, eh! ou
non collen, ou a saber …
Vaia amoladura!
Déuseme por facer
restauración na casa, e como non teño
nin idea, lembreime de Úrsula, unha compañeira de cando estudei canto, que facía
alarde de que no seu piso restaurou ela todos os mobles. Chámoa pola confianza
que tiñamos.
-Ola, como
estás?, escoita … -e cóntolle sen presa.
-Claro que si muller!
Faltaría máis, teño moito traballo pero, secasí, irei onda ti mañá ou pasado.
Pasan catro semanas! Eu xa tiña a cabeza
machucada de tanto barallar.
Cando xa non contaba, aparece con mil
desculpas e deseguido bótalle unha ollada ao andel, á mesa de centro e á
cadeira de brazos. Herdanza da avoa, nai do meu pai.
-Isto non é nada, lixas por aquí, por alí
… nada, isto é doado.
-Que ben!, axúdasme
entón?
-Ai non!, tes que facelo ti mulleriña, se non, non das aprendido. Eu
pásome cando remates e se acaso xa che
digo.
Esperei catro semanas para isto! Que
carraxe teño!
Amolar é gratuíto!
Na caixa de correos atopei un aviso de
certificado. Unha multa tal vez?
Vaiche boa! É da seguridade social,
bótanme! Non me dan traballo, non me queren no paro. Pásanme as filas dos
xubilados! Dou ao demo,
xubilada!
Xa mo dixera a funcionaria que me
atendeu fai dous anos, que podía pasar. Estou doente!
Mal anda o rato que non sabe máis dun
burato!
De momento, mañá cambio de ruta, collo o
urbano con destino Bouzas, ollarei escaparates, respirarei aire limpo preto do
mar, sentarei nunha terraciña cun café. Mirarei a xente pasar, falando os sete
falares. Quen sabe …
Amolándose tal vez?
As gaivotas planan ao redor das mesas. Estase
moi ben aquí. Ule a sal, a domingo e a liberdade.
Non me amoles! Séntanse pretiño de min un grupo de rapaces
berrando e rindo. Bótolles unha ollada de esguello, a vida está para eles. Xente
nova e leña verde todo é fume.
Adeus paz interior.
Vou pensar na miña inesperada xubilación.
Cobrarei un salario todos os primeiros de mes. Repítome “O pasado xa pasou, é
hora de avanzar”.
Farei unha viaxe … tomarei clases de
interpretación …
Ai canto vou amolar!

Un gusto leerte! Ahora ya puedo hacerlo y comentar. Poco a poco me iré poniendo al día, este me gustó un montón!!
ResponderEliminarGracias María. Guapísima
Eliminar