
Co pé espido, Lola busca o fresco nos recunchos das sabas de algodón. Non dorme, dálle voltas a unha historia. Non ten acougo. Estas noites de insomnio o corpo aínda se lembra do somnífero. Esa pílula branca tan doada de engulir e do que ela sabe tanto.
-Probarei o método -dous -catro -sete para quedar durmida nun minuto. Din que é infalible.
- Un: Collo aire pola nariz durante 4 segundos.
- Dous: Manteño ese aire nos pulmóns ...
- Esas noites! Lola lembra e esboza o sorriso da nostalxia: Venres diante do espello. O perfilado do ollo. O cabelo recollido en moño baixo. Zapatos de tacón alto, negros, coma o vestido de costas espidas. O único adorno é un colar de contas de cristal de roca. Rematada a faenabícase na imaxe que lle devolve o espello. Ao seu paso un rastro de perfume mesturado co carmín framboesa dos seus beizos.
Saía a bailar tango. Aprendeuna un amor tolo que deixou atrás en Bos Aires. Coñeceu a felicidade a carón do porteño. Ten morriña das súas mans, grandes, de dedos finos e longos.
Espértaa dos biosbardos o timbre da porta que a fai saltar da cama. Son as oito da mañá.
Alborozada entra a peiteadora chea de cachifalladas e, detrás dela, a modista co vestido de noiva, branco inmaculado.
- Non caso! Só estou preñada! É un erro! ... Vou vomitar.
- Pero Lola, toleaches! Estás de cinco meses! Que vas facer!
Polo whatsapp do grupo de voda, cancela o casamento.
- Xa se encargarán de divulgar a nova.
Ela regresa ao calor do fogar, a felicidade estrañada.
A bailar o tango.

O texto é bo, pero cando o leíches colleu tanta forza que case saen bágoas dos meus ollos. Noraboa
ResponderEliminar